BIO

Foto Rosalía Fernández Rial

Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), concibiuse a través da palabra, ideando unha xénese inicial desde a literatura escrita e a linguaxe escénica. Na súa fase filolóxica indaga sobre teatro clásico e realiza diferentes traballos académicos vinculados ao Grupo de investigación Calderón de la Barca. Tras licenciarse inicia un período de mutación cara a didáctica das linguas, da literatura e da expresión dramática; primeiro no Traballo Fin de Máster e logo na súa Tese de doutoramento (a pesar da cal defende que o galego é unha "lingua ártica"). En calquera caso, nese proceso de transformación intelectual, mantivo sempre unha intensa preparación física e actoral, mediante as que intenta interpretarse. Ademais cursou estudos de música coa especialidade de acordeón no Conservatorio de Carballo.

Como creadora, en especial de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, entre os que destacan: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Vinte en escena (2012), Un mar de sensacións (2012), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) ou Sacar a bailar (2016). Títulos que cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais e que tamén foron levadas ao ámbito audiovisual.

Aulas sen paredes (libro-DVD, 2016) é a súa obra de ensaio máis relevante, que deriva da Tese Doutoral defendida na USC o e inclúe un documental audiovisual coa intervención didáctica na que usa a expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas.Este proxecto recibiu o premio á mellor iniciativa bibliográfica na Gala do Libro Galego 2017.

En canto á estrea narrativa da autora, produciuse con Bonus track (Ed. Galaxia, 2018); un libro de relatos curtos tecidos con letras de cancións coñecidas e derradeiras esperanzas. Na mesma editorial publica o seu último poemario, Árbores no deserto, un traballo escrito desde códigos propios das artes vivas e as artes plásticas contemporáneas.

No que atinxe ao xénero dramático, destaca a escrita de "A lúa, válvula de spray", unha ficción sonora a través das rúas de Carballo dirixida por Quico Cadaval, interpretada por Melania Cruz, María Roja e Santi Romay, editada por Marcos PTT e producida por LIDISS para o FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro).

Unha vez personificada, Rosalía pasa da grafía á acción e actualmente está a desenvolver diversos proxectos nos que fusiona, evolucionadas, as dimensións literaria, corporal, escénica e experimental. Amálgama que lle permite aliar os seus seres baixo a sólida existencia dunha peza artística; única identidade importante.

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
 As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos