Entrada de blog

AFOUTEZA

“No meio do caminho tinha uma pedra / Tinha uma pedra no meio do caminho”

CARLOS DRUMMOND DE ANDRADE

 

Un androide alienado, produto de calquera exército homoxéneo, unificador, trazaría un patrón de movementos para evitar esa pedra e non volver tropezar. Niso se pode converter un sistema de ensino que fabrique números sen identidade, mais rendibles a nivel empresarial.

“No meio do caminho tinha uma pedra / Tinha uma pedra no meio do caminho”....

Unha pedra...

Para facer malabares con ela, para tallala e convertela en arte viva. Unha pedra para danzar arredor e trabucarse as veces que faga falla co único obxectivo de mellorar a cada paso. Para iso debera servir unha educación liberadora, progresista e innovadora. Unha escola formada por persoas diferentes, únicas e pertencentes a unha cultura milenaria, non asimilada pola globalización.

Con esta última especie, coa dos seres singulares, me veño de atopar agora mesmo no Club de Debate. Veño de quedar abraiada cunha mocidade creativa ao tempo que rigorosa, educada e intelixente, con argumentos e emocións.

Non podedes imaxinar os discursos, a investigación, o respecto, a altura e o enorme traballo e talento que mostraron todos e cada unha das participantes. Non escoitamos tópicos, non escoitamos razoamentos manidos nin simples, non vimos ningún ser igual que outro, a pesar do excepcional equipo que formaban.

Agardo escribir por extenso sobre a bibliografía. citada, sobre as tipoloxías textuais e indagacións manexadas, sobre o peso da oralidade e da competencia comunicativa dos institutos participantes. Mais estou de camiño a outro lugar, escribo desde un tren. Consciente, iso si, de que me podo deixar guiar polos adultos que esas rapazas e rapaces serán porque, como elas mesmas e mesmos citaron:

 “Son o amo do meu destino.

Son o capitán da miña alma”.

 

Como William Ernest Henley, como Nelson Mandela.

Coma min agora neste vagón, que se detén xa para que eu continúe o camiño, onde agardo atopar “Unha”, dúas, tres “pedras”, para xogar, brincar e compartir.

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
 As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 
 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos