Entrada de blog

Camiño de volta

Nada máis rematar de ler unha reportaxe literaria coa que felizmente tropecei esta tarde nun café de estrada, corrín ata o meu caderno vermello e anotei, ás presas, On the road:

O verdadeiro progreso, no contexto dunha sociedade decadente, pasa, en gran medida, por aceptar a contradición de que cómpre volver atrás para avanzar. Se a crise da civilización ve acelerada a súa caída, quizais definitiva, o único que nos queda aos suxeitos pensantes é contrarrestar esa forza en sentido oposto: remar a contracorrente.

Tal reflexión atracou o meu maxín de xeito violento, como unha revelación inevitable. A miña cabeza ditoume esas palabras coa urxencia dun descubrimento interno que reclamaba expresarse por escrito e ser aplicado. Así, acto seguido, tratei de evocar diversos exemplos que concretasen esa reflexión abstracta co fin de ancorala á realidade cotiá, a actos e situacións específicas.

Foi entón, cando corroborei que fronte ao ruído excesivo da metrópole posmoderna, a nosa existencia busca certa paz e plenitude no silencio dos espazos naturais. Alugamos casas rurais e organizamos escapadas por mares e montes para poder descansar. Coa mesma intención, ante un exceso de movemento, os nosos corpos solicitan quietude, respiración harmónica.

De maneira equivalente, se transferimos esa vertente introspectiva ao ámbito comunitario, decatámonos de que a excesiva exposición ás novas tecnoloxías e a admiración pola robótica deberan promover, paradoxicamente, o regreso ao Humanismo, ás Humanidades, como medio para entendernos a nós mesmas e ás demais. Mais tamén e, sobre todo, para estimar a importancia dos valores que se lle presupoñen á nosa especie e que estamos a esnaquizar na citada destrución masiva.

Compensar a balanza parece, en definitiva, a única saída posible ao preocupante presente que nos tocou vivir. Xa que logo, en vez de resignarnos, sería recomendable darlle a volta ao pesimismo e reivindicar a alegría e o optimismo como únicas actitudes posibles.

Unha vez que rematei de anotar o texto anterior no caderno, cunha grafía moi mellorable, sorrín e continuei o camiño a casa, tras uns días de desconexión nun medio salvaxe, fóra do barullo das grandes cidades, amando a quen me acompañaba e quedando sen datos no móbil varias veces.

Durante as xornadas de descanso lin sobre papel poesía e ensaio de séculos pasados. Fíxeno con plena intensidade, porque nese esforzo por remar a contracorrente, os libros foron, son e serán, o salvavidas imprescindible para seguir adiante, cara ao progreso verdadeiro.

É esa a feliz conclusión á que a propia escrita me quería facer chegar. Doulle, por tanto, as grazas á palabra literaria.

Rosalía Fernández Rial

No camiño a Bergantiños, 10/12/2017

 

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
 As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos