O alumnado participante no obradoiro creativo "HIBRIDAR O IMAXINARIO", que teño o pracer de dirixir, comprácese en presentar ante o público carballés:
ATLÁNTIDA:
Unha peza escénica con catro movementos -"Rosa dos ventos", "Delirio", "Fera liberada" e "Maroma"-.
Unha sinfonía compartida que materializa un percorrido teatral a través de textos, danzas, imaxes e expresións diversas.
Un produto artístico de carácter interdisciplinar que parte dos seguintes versos de Wislawa Szymborska
"Existiron ou non existiron.
Nunha illa ou non nunha illa.
Un océano ou non un océano
tragounos ou non."
para transformalos en longas travesías literarias.
Un conxunto de interrogantes cuxo único fin é avanzar, sen rumbo nin posibilidade de regreso, cara á Illa Mítica, poética, incerta.
Vés?
A resposta a tanta dúbida existencial terá lugar este MARTES 30 DE AGOSTO ás 11:00 na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo.
Finalmente, aproveito a ocasión para reiterar de novo o meu, noso, máis sincero agradecemento á Escola de Escritores-as da AELG, á Deputación Provincial da Coruña, á Consellaría de Cultura, ao Concello de Carballo, á Biblioteca Rego da Balsa e a todas as persoas que asistiron a esta actividade por facela posible.
Chegaremos á Atlántida "seguindo o perfil da agulla", "co compás do corpo"*, convertidas en aire, lume, auga e terra.
Chegaremos á Atlántida...
PD. Máis información na páxina da AELG e en anteriores capítulos desta páxina.
*Cito, entre aspas e cursiva, dous versos do alumnado pertencentes á escena "Rosa dos ventos".
Rosalía Fernández Rial