Entrada de blog

A POESÍA DOS ROBOTS

A primeira hora, con velocidade de correspondencia urxente, chegou a mensaxe da compañeira en formato real. Libre de canles telemáticas, L. transmitiu a noticia abrindo a porta nun arrebato asustado:

 

-Un robot publicou un libro de sonetos en China!

 

Díxoo coma quen anuncia a fin do mundo, a apocalipse definitiva do ser humano tras milenios de civilización. E eu, con catarse automática, prometinlle unha reflexión. Tras compartir todo o curso artigos, conversas e debates sobre Intelixencia Artificial, este semellaba un punto de inflexión fundamental nos nosos asombros compartidos. Estaba ben que as máquinas puideran cubrir ao ser humano en certas tarefas manuais e facilitarlle a vida, pero compoñer arte, literatura, sentir?

 

Para procesar a información e cumprir co prometido, tratei de ir máis alá do evidente. Consultei como o programa de Microsoft almacenara na memoria sonetos escritos por 519 poetas dos últimos 90 anos, polo que se limitaba a facer combinacións posibles a partir de creacións humanas. En concreto, compuxo 10.000 poemas dos que se seleccionaron 139 para a publicación. Polo tanto, podería alegar que no fondo non creou nada, que se limitou a repdroducir. Por agora non hai probas de que poida innovar nese ámbito.

 

Pero, en efecto, sería demasiado doado e inxenuo quedar aí. A Intelixencia Artificial (IA) seguirá avanzando en función dos intereses económicos dos humanos e unha máquina poderá realizar operacións que hoxe nin imaxinamos. A veces en beneficio da vida natural e, outras moitas, no seu detrimento.

 

En consecuencia, considero que dirixir os pensamentos aos límites que pode superar a robótica é un enfoque do que xa se están ocupando miles de especialistas en todo o mundo e que resulta limitado desde outras áreas do saber. A deriva da IA dependerá do uso que fagamos dela, do mundo que queiramos construír, de se seremos quen de xestionalo e de que maneira.

 

A cuestión que moitas veces está a quedar de lado é: e cos humanos que facemos? Porque se nos sentamos a deixar que as máquinas e, sobre todo, as poucas persoas que hai detrás delas, tomen a iniciativa, a maioría estamos perdidas. Poderán os robots facer literatura e redactar noticias, si. Mais tamén pode que estas sexan homoxéneas, para manipularnos, para adherirnos a correntes de pensamento e valores determinados.

 

Se a espera é ampampada, fascinada ante as pantallas, as nosas capacidades vanse atrofiar. Chegará un momento en que non sexamos quen de cuestionar a realidade, de contemplala desde diferentes puntos de vista, de inventar algo inédito, diferente, capaz de sorprender. Entón é cando si nos podemos asustar, ser febles e converternos en escravos. Podemos chegar a pensar igual, vestir igual, cambiar de sentimentos dando un clic.

 

Conclúo, pois, querida L., que a nosa función como educadoras, como pensadoras e artistas é desenvolver ao máximo as nosas competencias e axudar aos demais humanos a que así o fagan, compartindo e contrastando. Se somos fortes ante iso, poderemos empregar as máquinas no noso beneficio, axudarnos delas con criterio e control.

 

De que serve comparar a Intelixencia artificial coa natural se deixamos a nosa adormecida? Por que imos negar, por outra banda, as facilidades que a tecnoloxía nos pode outorgar? A perspectiva dos informáticos e programadoras ante tales asuntos resulta imprescindible pero non é superior -nin inferior- á dos antropólogos, filósofas, filólogos, científicas, activistas, artistas, sociólogos e demais persoas e disciplinas implicadas en estudar e analizar o progreso da humanidade.

 

Os seres da nosa especie, por agora, precisamos chegar ao máximo rendemento intelectual, psicofísico e ético, para poder decidir en todo momento. E necesitamos tamén equivocarnos, desconectar, ocupar o tempo en actos tan aparentemente inútiles como asistir a un concerto ou pasear, namorarnos e ir á praia, e esquecer o móbil na casa de cando en vez. E pertencer a unha cultura, ter memoria, conservar valores, sentirnos ben.

 

A actualidade cambia a velocidades vertixinosas e asustarse ante iso non é unha opción. Cómpre desenvolver ferramentas e recursos flexibles, optimizar a capacidade de adaptación e intervir nas decisións que nos afectan a todas e todos. A educación pode salvarnos de todas as barbaries se conseguimos que progrese, que navegue sempre na vangarda deses avances, se nos mantemos alerta mais confiados, xuntos, seguras, optimistas, sumando forzas, multiplicando competencias. Abrindo mentes cos pés na terra e o horizonte na utopía dun mundo mellor. Prefiro conquistar espazos de claridade fundamentados que dispersarme no mare magnum de sobre-información.

 

En termos xerais, é iso o que penso, querida L. En vez de pasarcho por un enlace, voucho contar e contrastar invitándote a un café, en versión extendida, para logo aplicalo ao traballo. O link, en cambio, pode servirnos para compartir o esencial do que pensamos, como humanas, con outras persoas que latexan, reflexionan e comparten este universo con nós.

 

Penso, logo podo empregar a realidade e a tecnoloxía ao meu antollo. E o meu corpo humano para me abrazar ás persoas que aprecio intensamente, sen datas de caducidade.

 

Vai esta aperta, a máis grande, para a lectora ou lector que conseguira, nesta contemporaneidade comprimida e a toda en banda, chegar ao final da reflexión.

 

Rosalía Fernández Rial

-autora humana real, que respira, pensa, vive e sente detrás desta pantalla-

Imaxe: Matrix

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
 As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 
 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos