Cando o paraíso perdeu a condición eterna, artificial, mudamos o espazo da fe polo do pensamento; as edificacións quiméricas por principios físicos; os estupefacientes por identidade. En canto derruímos o conformismo, atopamos a presente forma de existir e recobramos o valor das variables empíricas. A cada intre desactivamos un barrote da gaiola que nos impuxemos e, dúbida mediante, volvémonos reconstruír, unha e outra vez.
Cada vez que a atopes na escaleira, vira de sentido e acelera chanzos sen control, atragoándote co afán de evitala. En canto a perdas de vista, volve activar o refrixerador que garante a conservación do teu obxectivo imperturbable. Ten por seguro que nada pode deter as decisións tomadas, inxeridas, indixestas, inxectadas.
Ou si?
Se cadra, sentar a pensar se subir ou baixar non é tan mala opción.
Ao mellor o encontro coa incerteza outorga outras saídas posibles.
Había unha vez unha vila con nome de árbore onde as nenas non temían ao lobo porque se sabían máis feras cá el. Como landras rebeldes, xamais seguían a traxectoria da gravidade e gabeaban polas paredes nun desafío de gadoupas ceibes e pintaúñas ao vento. O ronsel do seu esmalte erixía cadros desmarcados das estruturas establecidas; murais que fendían os límites físicos para inaugurar outras realidades posibles.
Tivo que caer a derradeira folla para que se decataran de que aquel cristal non era un espello. Regaran tanto o propio reflexo que afogaran os intervalos da perspectiva. Mesmo chegaran a confluír o corpo na imaxe proxectada, anulando por completo a identidade: dúas cuspiduras nunha fiestra xamais aberta. Toda a vida buscando sen ver.